ESCARAMUZAS

martes, 3 de septiembre de 2013

2013 O Caballiño, novas historias, vellas fotografías  

Chega esta segunda entrega de fotografías comparativas do Carballiño dos anos 1950-70  respecto de hoxe ó prelo, nun intre en que a dinámica da construción está precisamente baixo mínimos e toda aquela furibunda actividade que se desenvolvía no sector inmobiliario está ó ralentí ou case que parada.
Non imos aquí analizar os factores que propiciaron esta situación, pero si que pretendo chamar a atención do lector deste libriño de festas con unha mostra comparativa de fotografías feitas hai máis de medio século respecto do que é o Carballiño que temos na actualidade.
Non quero pasar sen citar que as fotos do Carballiño feitas entre os anos 1950 e 1970, en branco e negro por suposto, corresponden a fotógrafos locais en algúns casos e a outros vidos da capital e que se deixaban ver por estes lares como parte da súa profesión. Nomes como Campinas, Felipe Luis López, O Rizo, Valín, Villar, e outros que conforman una boa lista foron os que captaron as primeiras imaxes que agora serven de base para comparar entre aquel Carballiño en período de formación e o Carballiño que nos está tocando vivir.
Lembrarse do Carballiño que foi no período de 1970 a 1980, é tamén traer á memoria a referencia que o Rei Juan Carlos lle fixo ó nese momento alcalde Javier Perea “Menudo Nuevayorcito teneis aquí”, en aberta reflexión sobre a proliferación de “edificios pirulo” que a vila estaba a experimentar. Hoxe en día, con esa situación xa case superada e con un Plan Xeral de Ordenación Urbana en práctica esperemos que estean asentadas as bases de unha nova vila con proxección de futuro racional.
O Carballiño que veremos nestas series de fotos antigas é o de una vila anterior a esa visita real, fronte ó que é hoxe ese mesmo espazo ou lugar. O paso do tempo entre unha e outra fotografía a uns faraos pensar sobre a transformación da vila, a outros traeralles lembranzas de máis de medio século atrás, a outros de cando foi  neno, mozo, etc., etc...

Finalmente romper unha lanza por esas fotos antigas, case amarelas,  feitas en papel-cartón ou similar soporte e que nada teñen que ver ca actual forma de representalas hoxe; refírome a esas fotos antigas, que previamente dixitalizadas e montadas en soporte informático adquiren a falsa apariencia de un 3D, ou de foto en movemento, pero que en modo algún reflicten a verdadeira realidade da instantánea no seu momento tomada. En definitiva, nin é animación de imaxes nin é fotografía histórica, é, no meu ver, unha chapuza feita por razóns pecuniarias sen o máis mínimo respecto pola historia que representan.